
Escribir sen nexo nin verbo, pola febre que acurrala o cerebro contra o cranio, pola bifurcación do óso. «A vida salvaxe» propón adentrarse en solitario nun bosque, alí onde non hai arquitectura e o poema ten lugar como ten lugar a floración dos ameneiros. A poesía como operación, como acontecemento da linguaxe. Despois de «Crac» (2011) e «Celebración» (2014), Gonzalo Hermo aborda neste libro un proceso de depuración do verso ata dar cunha dicción natural, próxima ao ritmo da respiración, mediante a cal o poema é quen de lindar co salvaxe, con aquilo que non se pode verbalizar. «Hai cousas, con certeza, que non poden dicirse con palabras», afírmase nun texto deste libro, «o poema coñece a acotío a súa sorte».