
Xosé Antón Avilés Vinagre, coñecido como Avilés de Taramancos, nado en Boa (Noia) o 6 de abril de 1935 e finado na Coruña o 23 de marzo de 1992, foi un escritor galego. En 2003 dedicóuselle o Día das Letras Galegas. É pai do cineasta Luis Avilés Baquero. O seu pai era Severiano Avilés, mariñeiro e a súa nai Manuela Vinagre, labrega, que tiveron outros tres fillos antes de nacer Antón. Fixo o bacharelato en Noia, e aos 15 anos de idade publica o seu primeiro poema, en lingua galega, na revista local Tapal editada por Manuel Fabeiro. Chegou á Coruña para facer estudos de náutica, alí foi decisiva a súa amizade con Urbano Lugrís Vadillo, Xohán Casal e Reimundo Patiño que influíron na súa concepción de Galicia e na súa ideoloxía. Neste tempo colaborou en revistas literarias como Aturuxo de Ferrol ou Quatro Ventos de Braga. Na revista Atlántida da Coruña publicou os seis poemas que constitúen As moradías do vento, e en 1959 publicou o seu primeiro libro, A frauta i o garamelo e o poemario que enviou ao concurso literario organizado polo Grupo Brais Pinto, Pequeno canto para un peito xoven, que quedou inédito ata 1982. Participou na estrea da obra teatral de Álvaro Cunqueiro, O incerto señor Don Hamlet, Príncipe de Dinamarca. En 1961 emigrou a Colombia, alí permaneceu ata 1980, primeiro na Selva Amazónica e máis adiante na embaixada brasileira en Bogotá. Alí coñeceu á que se converteu na súa muller en 1970 e a Manuel José Arce y Valladares, embaixador de Guatemala, de orixe galega. Unha vez finalizado o contrato coa embaixada iniciou unha serie de traballos sen moito éxito ata que conseguiu un traballo como distribuidor de libros en Cali. O 15 de agosto de 1980 regresou a Noia, rexentou unha taberna, a Tasca Típica, na que organizou recitais poéticos e dende a que organizou a Sociedade Cultural Catavento. Presidiu a Asociación de Escritores en Lingua Galega (1986), entidade pola que foi nomeado socio de honra en 1995, e foi elixido concelleiro en Noia polo Bloque Nacionalista Galego, polo que ocupou o posto de concelleiro de cultura (1987–1991). Morreu dun cancro.