
Velaquí unha das principais contribucións de Carlos Casares ao ámbito da literatura infantil e xuvenil, galardoada en 1973 co I Premio de Literatura Dramática para a Infancia e a Mocidade da Asociación Cultural ‘O Facho’. Trátase dunha historia fantástica, que inaugura o teatro destas características na literatura infantil galega. Non en van afirmaba o seu autor que a peza era “un disparate continuo de movemento e fantasía”. Herdeira do nonsense e do surrealismo, provoca a risa e induce curiosidade e expectación, sentimentos que van pouco a pouco aumentando na medida en que se amorean os acontecementos. Enlázanse conversas absurdas, comportamentos estrafalarios, esaxeracións ao límite, personificación de animais ou animación de obxectos, sempre á beira do cotián, rozando a normalidade. Escrita nun único acto e localizada no ambiente rural galego, a historia comeza co nacemento de cinco laranxas xigantes e moi estrañas no limoeiro da horta da casa de Elías e Anxa. Unha delas estoura cando o amo da casa a toca. Co estrondo do estoupido acoden os veciños, e a partir de entón comezan a ocorrer anécdotas insólitas, ilóxicas, mesmo disparatadas, absurdas, pero divertidas, protagonizadas polo donos da horta, o Veciño da Escopeta, o Gordo ou Toneladitas, a Veciña Sabida, a Desdentada, o Ovo ou a galiña Petra.