
A ciencia como o poema máis brutal que nos contamos. Os irmáns como constelacións invisibles. Poesía e ciencia tecen metáforas e procuran "dar coa palabra". Iso sostén a autora d'As neuronas irmás, que artella a ciencia como irmá da poesía e -coa perda dun irmán como célula central- constela textos sobre galaxias xemelgas, sororidade, o interior dun cerebro, natural ou artificial, e o espazo profundo. E sobre lingua e coñecemento, sobre o vencello de carbono que nos une a aves o bacterias e o vínculo estraño de sabernos non só texto, tamén po estelar. A autora consolida unha persoal traxectoria poética na órbita da perspectiva e a exploración científica, e non pouco humor. Textos híbridos desde unha fin da terra e un telescopio. O cosmos, todo o vivo e a súa orixe, mesmo o amor alén morte, teñen forma de neurona. Conectan.