
En Calzados Lola relátanse varias investigacións: a do desfalco dunha empresa, a dun pasado familiar, a de como construímos a nosa identidade. Varias historias contadas e suxeridas. Vidas veladas, o desvelamento da vida. O pasado e o presente, os pais e os fillos e os avós, os vivos e os mortos. Unha viaxe á orixe, unha escapada. O odio e o amor, a morte e a resurreción. Dúas novelas, unha de suspense e acción que nos arrastra na súa viveza, e outra densa e fonda que conta a crise, esfarelamento e reconstrucción da identidade persoal... Un libro que conta, coa sensibilidade de hoxe, historias tan vellas coma a xente. Unha novela atlántica.