María Xosé Queizán reuniu e traduciu nun mesmo volume, o primeiro da serie "As Literatas" da colección Xerais Peto, catro relatos "A páxina en branco" da danesa Karen Blixen, "O papel de parede amarelo", da americana Charlotte Perkins Gilman; e "O indulto" e "O encaixe roto", de Emilia Pardo Bazán. Catro relatos que son outras tantas obras mestras que cunha profunda precisión psicolóxica confrontan a política sexual e a problemática do matrimonio. Catro magníficos documentos feministas. ''O feito de reunir nun mesmo volume estes catro relatos non é un feito arbitrario. A pesar da distinta procedencia das escritoras, danesa, americana e española, e incluso de época, teñen unha mesma liña ideolóxica. Charlotte Perkins e Emilia Pardo Bazán escriben na segunda metade do século XIX e primeira do XX. Karen Blixen comeza a escribir tarde, no ano 1931, ao seu regreso de África. A orde, neste volume, non corresponde coa cronoloxía da creación, Senón coa significación da propia historia. Parten dun feito clave: a perda da virxindade, da pureza, considerada como valor supremo das mulleres, para seguir co matrimonio que, unha vez perdida esa integridade persoal, condena as mulleres á dependencia, ao infantilismo, á perda da confianza en si mesmas e, no peor dos casos, á morte. Nestes relatos encontramos unha crítica común a esta institución e á condición social das mulleres. Baixo esta perspectiva ideolóxica reunín e traducín estas catro historias que son catro pequenas obras mestras, cunha profunda precisión psicolóxica, que confrontan a política sexual e a problemática do matrimonio. Son magníficos documentos feministas'', María Xosé Queizán.
No contributors found for this work.