
Este conxunto de 45 poemas constitúen unha obra singular por multitude de motivos. En primeiro lugar, esta é unha das contadas obras en galego escritas por unha muller durante o século XIX. Estas características, xa de por si revolucionarias, súmanse ao marcado carácter feminista e reivindicativo da igualdade de xénero en tódolos ámbitos que carcterizou a Filomena Dato. O volume comeza, de maneira moi significativa, co seu poema "En Defensa das Mulleres", no que afirma que "Os que negan â muller intelixencia e talento, a millor contestaceon cicais que fose o disprecio". Esta obra ten tamén unha importancia especial para Bergondo e As Mariñas. Nos versos de "Morriña", Filomena Dato pedía ver desde o ceo a súa aldea de Bergondo, o lugar no que pasou os seus derradeiros días.