
A descuberta do cadáver do boticario Modesto Vilariño Dacal nos días posteriores ao levantamento de xullo de 1936 desencadea unha investigación que desvela o clima de enfrontamento que medra desde hai anos nunha pequena vila galega. A rivalidade entre as forzas progresistas, representadas polo mesmo boticario e un sindicalista ao que se busca en relación co suceso; e as reaccionarias, encabezadas polo propietario da fábrica local e o cura da parroquia, vaise debuxando a través das páxinas do informe do investigador do caso. Os mortos daquel verán é unha novela curta na que se parodia a fría e en ocasións revirada prosa funcionarial, un estilo no que moitas veces, con todo, se distinguen todo o humanismo e o humorismo propios de Carlos Casares. O texto relata a deterioración da convivencia nunha comunidade, que desemboca en sucesos estarrecedores, folgas, ameazas, actos sacrílegos, milagres de escasa credibilidade, mortes que quedarán sen resolver e, no fondo, a escura trama de relacións que se dan nunha vila tipo da Galicia de principios do século XX. Galaxia publicou en 1987 Os mortos daquel verán, editada en castelán no mesmo ano por Alfaguara en tradución do propio autor.
Author

Carlos Casares Mouriño naceu en Ourense en 1941 e morreu en Vigo en 2002. Escritor e crítico literario, foi unha das personalidades máis importantes da cultura galega das últimas catro décadas. É autor de obras tan significativas como as novelas Ilustrísima e Os mortos daquel verán e os libros de relatos Vento ferido e Os escuros soños de Clío. Dirixiu a editorial Galaxia e a revista Grial ata o seu pasamento. É de destacar, tamén, o traballo como columnista, principalmente en La Voz de Galicia entre 1992 e 1998, recollido en sete volumes publicados por Galaxia de 2005 a 2008, titulados Á marxe. O ano 2017 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.