
Premio Lazarillo, 1999 - Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Lecturas - Galix, 2001. A banda sen futuro reflicte a historia de Carlota, unha rapaza de dezaseis anos que debe facer amigos no seu instituto novo. Non é doado conseguilo e menos se unha ten o cabelo rapado ó cero e se sente como un ídem á esquerda. Carlota non entende por que os seus pais a obrigan a ir a clase. Só, Poch o cantante morto de Derribos Arias é quen de comprendela e manter longas conversas co ela desde a súa foto, aínda que non sempre lle dá a razón.Nestes meses Carlota descubrirá o amor e o desamor, e intentará pillar o ceo cos pés.
Author

María Pilar Jiménez Aleixandre, nada en Madrid o 1 de maio de 1947, é escritora en lingua galega, tradutora, bióloga e académica de número da Real Academia Galega. De avoas e avós andaluces, valencianos e madrileños, naceu en Madrid en 1947. Di sentir saudade dos sitios nos que viviu, Ceuta, Doña Mencía (Córdoba), e Madrid, pero dende 1973 reside en Galicia, onde adoptou o galego como a súa lingua literaria e se converteu nunha das escritoras galegas actuais con obra máis consolidada e recoñecida. É profesora da Universidade de Santiago de Compostela, onde ensina Didáctica das Ciencias Experimentais e Educación Ambiental, dende 1988. O primeiro relato que escribiu, un conto sobre vampiros, foi o xermolo de Agardando polos morcegos. Logo viñeron A formiga coxa, a súa primeira novela de literatura infantil, e A expedición do Pacífico (Premio da Crítica de Galicia 1995). Ademais de destacar como autora de literatura infanto-xuvenil tamén escribiu para adultos. Foi finalista do Premio Xerais de Novela en 1992 con Tránsito dos Gramáticos. En 1996 publicou o libro de relatos Lobos nas illas, sobre as difíciles relacións familiares, en 1998 a novela A compañía clandestina de contrapublicidade (Premio Álvaro Cunqueiro dese mesmo ano), e no 2001 Teoría do Caos (Premio Xerais 2001), unha novela ambiciosa e fragmentaria sobre como é posible traizoarse a un mesmo. Boa parte da súa obra narrativa está traducida ó castelán, portugués, catalán e vasco. En 2020 gañou o premio Blanco Amor por As malas mulleres. Traduciu do inglés para o galego o poemario Muller ceiba (1996) de Sandra Cisneros, A caza do Carbairán, de Lewis Carroll (incluída na Lista de Honra do IBBY en 1997) e Harry Potter e a pedra filosofal, o primeiro volume da serie Harry Potter, no 2001, sendo ademais a responsable dos guións dos 14 capítulos da serie de banda deseñada Os Escachapedras, con ilustracións de Fran Bueno. Como poeta participou en varias publicacións colectivas e nas actividades do Batallón Literario da Costa da Morte. En 1998 gañou o Premio Esquío co poemario Catálogo de velenos. En 2010 foi nomeada Socia de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Ten así mesmo colaboracións en diversas revistas sobre cultura e literatura: CLIJ, Festa da Palabra Silenciada, Dorna e El Signo del Gorrión. Así mesmo é autora de obras sobre o ensino das Ciencias. Foi elixida académica de número da Real Academia Galega no pleno do 9 de xullo de 2016, pronunciando o 14 de xaneiro de 2017 o discurso de ingreso "Voces termando da paisaxe galega", respostado por Fina Casalderrey. O 28 de marzo de 2017 foi escollida tesoureira da Real Academia Galega.