
Adolfina, Rosa, Eva, Prudencia, Asunción e Manuela son os nomes propios de seis das miles de cantareiras ou pandeireteiras que ao longo do tempo crearon e conservaron unha rica poesía popular oral, que foi transmitida de xeración en xeración. Grazas a mulleres coma elas, chegaron a nós coplas, ritmos, bailes, contos, xogos, remedios e costumes. Sen ese prezado saber, a música galega que escoitas hoxe en día e a literatura que les non serían as mesmas. Por iso, esas mulleres son as homenaxeadas no Días das Letras Galegas de 2025. Este libro é unha viaxe ao seu tempo e ao seu lugar, durante a que descubrirás cousas sorprendentes e coñecerás xente á que, como a ti, a move a curiosidade.
Author

María Lado (Cee, 1979) é autora de cinco títulos de poesía: A primeira visión (1997), casa atlántica, casa cabaret (Xerais, 2001), berlín (2005), nove (2008) e Amantes (2011). Publicou tamén o álbum infantil Porque Cuqui non quere ir á lavadora (2014). Poemas seus aparecen recollidos en ducias de libros colectivos e forman parte de diversas antoloxías. O seu interese polo recital poético levouna a formar parte de diferentes proxectos que exploran distintas fórmulas para o achegamento da poesía ao público maioritario. Seguindo esta idea, foi unha das fundadoras do colectivo Poetas da Hostia, creadores dos recitais-combate A hostia en verso, a poxa de poetas Vendo a miña alma e o exercicio de escrita en directo O seu poema, grazas. En colaboración coa Casa da Esquina (Coimbra) estreou o espectáculo Nove, baseado no poemario homónimo e dirixido por Ricardo Correia. Mantén dende hai dez anos varios espectáculos coa poeta Lucía Aldao, dos que salienta Onde estea un cubata que se quite un soneto, Moita poesía pouca diversión, Con dez poemas por barba ou After.