Margins
Emigrantes, caciques e indianos book cover
Emigrantes, caciques e indianos
1998
First Published
400
Number of Pages
Este libro de Nuñez Seixas é unha nova historia sobre un vello asunto deste país: a emigración. Un sinal distintivo, xunto co idioma e o nacionalismo, da Galicia contemporánea. A emigración non se nos presenta aquí como a lacra da nosa terra que alcumamos adoito. Pola contra faise unha relectura da emigración que ten en conta o que os mesmos coetáneos debatían sobre o que consideraban, en torno a 1900, como elementos positivos da emigración ultramariña. Unha corrente ben distinta, aquela anterior a 1936, desoutro éxodo cara á Europa posterior a 1960, no que os galegos e galegas non atoparon nin centros galegos, nin idiomas recoñecibles senón aillamento social e traballo arreo en cadeas de producción. Nesta idea cimentáronse os estudios dos últimos trinta anos sobre a historia da emigración galega. De modo que chegamos a saber cantos emigraban, onde emigraban pero case nada do porqué, e carecemos aínda dunha explicación congruente sobre as dinámicas xeradas por aquela corrente migratoria que principiou a mediados do XIX e culminou nos anos trinta. Ese é un dos baleiros que este libro contribúe a cubrir, ofrecendo explicacións coherentes verbo dalgunhas eivas que todos observamos nas explicacións que ata agora fixeron fortuna. ¿Porque como podía casar aquela explicación unilateralmente lastimeira da emigración coa realidade dos seus retornos, que todos coñecemos por tradición familiar e mesmo cos vestixios materiais que por Galicia adiante fican -e mais cos estudios parciais que os teñen analizado (A. Costa, V. Peña, R. Villares)-: casas e indianos, escolas e sociedades fundadas por emigrantes de toda Galicia, e mesmo o papel das remesas na redención de foros? A virtude deste libro reside en descubrir precisamente os valores destes retornos no medio social e político da época. O de Nuñez Seixas é un novo e singular elo no labor da recente historiografía contemporeneísta galega (P. Cagiao, M. F. Santiago, A. Domínguez) por amosar a outra cara, menos lastimeira, do fenómeno migratorio. A faciana dunha emigración habanera que funda a Academia Galega, estrea o himno galego e usa de cote a bandeira, a do nacionalismo construído en Ultramar "viaxando", a dos xornais e as novas ideas puladas pola parroquia daló para servir a parroquia de acó, e, sobre todo, a dos cadros do agrarismo, do sindicalismo e do galeguismo formados en América e que constrúen a sociedade civil.

Author

Xosé M. Núñez Seixas
Xosé M. Núñez Seixas
Author · 6 books

Xosé Manoel Núñez Seixas, nado en Ourense o 15 de marzo de 1966, é un historiador galego. Estudou Historia, especialidade Historia Contemporánea, nas Universidade de Santiago de Compostela e na de Dijon. Foi investigador doutorando no Instituto Universitario Europeo (IUE) de Florencia (1989-1992), onde se doutorou en Historia Contemporánea baixo a dirección dos profesores Heinz-Gerhard Haupt e Stuart J. Woolf. O seu labor investigador céntrase na análise comparada e transnacional dos nacionalismos subestatais e estatais, tanto ibéricos como europeos, no século XX, así como nos estudos migratorios (especialmente da emigración galega a América) e na historia cultural da guerra, sobre todo da II Guerra Mundial e da Guerra Civil Española, temas todos sobre os que ten máis dunha ducia de monografías en galego, inglés, alemán, francés, portugués, castelán e catalán, amais de abondosos artigos en revistas ibéricas e internacionais, e capítulos en libros colectivos de ámbito europeo e internacional. Fai parte de varios consellos asesores de revistas galegas, españolas e internacionais, como Ayer, Historia del Presente e European History Quarterly, así como do consello de redacción das revistas Historia Social (Valencia) e Passato e Presente (Florencia). Foi profesor titular (1994-2007) e, dende 2007, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela. Igualmente, foi profesor convidado de varias universidades europeas (Bielefeld, Zentrum für zeithistorische Forschung Potsdam, París VII, París X), arxentinas (Mar del Plata), italianas (Verona) e norteamericanas (Stanford, City University of New York). Tamén é profesor visitante cada ano do Colexio de Europa, Natolin (Varsovia). Dende o 1 de outubro do 2012 até o 30 de setembro de 2017 ocupou a cátedra de Historia Contemporánea de Europa (séculos XIX e XX) na Universidade Ludwig-Maximilian de Múnic, Alemaña, onde desenvolveu o seu labor docente e investigador. Dende xullo de 2018, é tamén vicepresidente do Consello da Cultura Galega. Casado coa historiadora alemá Henrike Fesefeldt, é pai de dúas fillas.

548 Market St PMB 65688, San Francisco California 94104-5401 USA
© 2026 Paratext Inc. All rights reserved