
A muller que hoxe homenaxeamos veu á vida cun nome que en certo sentido xa era un mandato. Sería tentador atopar nel as chaves da súa poética: a capacidade de ollar na palabra Luz; a sabedoría fluída e insondable da auga a reflectir a lúa chea dentro do Pozo; e a elegancia branca e animal da Garza, que lembra suavidades, versos de trobadores, tempos idos. María do Cebreiro Rábade Villar
Authors

Xosé María Álvarez Cáccamo, tamén coñecido como Pepe Cáccamo, nado en Vigo o 6 de xullo de 1950, é un escritor galego, crítico literario e profesor de lingua e literatura. É fillo de Xosé María Álvarez Blázquez e irmán de Alfonso, Celso e Berta Álvarez Cáccamo. Xosé María Álvarez Cáccamo estudou Filoloxía Románica na Universidade de Santiago de Compostela. Desde 1973 é profesor de ensino secundario. Reside en Santa Cristina de Cobres, Vilaboa. Ademais de poesía, ten publicados algúns relatos breves, teatro e literatura infantil. A súa obra traduciuse ao catalán, castelán, éuscaro e italiano. Obtivo os premios Esquío, González Garcés e Arume e os Premios da Crítica de Galiza e de España. Fixo parte do consello editorial das coleccións de Poesía "Mogor" (1976-1980) e "Pero Meogo" (1980) e dos consellos de redacción dos suplementos Galicia Literaria de Diario 16 de Galicia (1990-1992) e Faro das Letras de Faro de Vigo (1993-1996). Entre os anos 1984 e 2002 formou parte do equipo directivo da Asociación de Escritores en Lingua Galega, da que foi presidente interino tras a dimisión de Carlos Mella (2001) e a elección de Bernardino Graña (2002), foi coordenador das súas revistas Nó e Contemporánea. Foi membro fundador do "Foro da Cultura" e de "Esculca Observatorio para a defensa dos direitos e as liberdades". Formou parte entre 2003 e 2010 do consello de redacción da revista Grial. Actualmente forma parte do colectivo Burla Negra.


Luz Pozo Garza, nada en Ribadeo o 21 de xullo de 1922, é unha poeta galega e membro da Real Academia Galega. Con catorce anos, por mor da Guerra civil española e da persecución da que foi obxecto seu pai, trasladouse coa súa familia primeiramente a Lugo e, logo, a Larache (Marrocos). De volta en Galicia, instalouse en Viveiro. Ten estudos musicais que deixarán unha singular pegada na súa poética, estudos de maxisterio e de filoloxía románica. Posteriormente desenvolveu en Vigo unha longa traxectoria de docente de lingua e literatura españolas no ensino secundario, xubilándose en 1987 no Instituto de Nigrán. Entre 1975 e 1976 codirixiu a revista Nordés xunto a Tomás Barros. Promoveu tamén a creación da revista Clave Orión. É membro da Real Academia Galega dende o 29 de novembro de 1996. O seu discurso de ingreso na RAG titulouse Diálogos con Rosalía e foi respondido por Xesús Alonso Montero. Luz Pozo Garza é, segundo Rosario Álvarez "unha voz ilustre na nosa poesía desde a publicación do seu primeiro poemario en galego, O paxaro na boca (1952), que inaugurou a colección Xistral". Na súa obra posterior Luz Pozo achega unha poesía inzada de sensualidade e profunda, na cal o amor, a inquedanza existencial, a patria, a liberdade e mesmo a morte se entrecruzan compondo textos de sublime autenticidade e madurez.

