
Luz Pozo Garza, nada en Ribadeo o 21 de xullo de 1922, é unha poeta galega e membro da Real Academia Galega. Con catorce anos, por mor da Guerra civil española e da persecución da que foi obxecto seu pai, trasladouse coa súa familia primeiramente a Lugo e, logo, a Larache (Marrocos). De volta en Galicia, instalouse en Viveiro. Ten estudos musicais que deixarán unha singular pegada na súa poética, estudos de maxisterio e de filoloxía románica. Posteriormente desenvolveu en Vigo unha longa traxectoria de docente de lingua e literatura españolas no ensino secundario, xubilándose en 1987 no Instituto de Nigrán. Entre 1975 e 1976 codirixiu a revista Nordés xunto a Tomás Barros. Promoveu tamén a creación da revista Clave Orión. É membro da Real Academia Galega dende o 29 de novembro de 1996. O seu discurso de ingreso na RAG titulouse Diálogos con Rosalía e foi respondido por Xesús Alonso Montero. Luz Pozo Garza é, segundo Rosario Álvarez "unha voz ilustre na nosa poesía desde a publicación do seu primeiro poemario en galego, O paxaro na boca (1952), que inaugurou a colección Xistral". Na súa obra posterior Luz Pozo achega unha poesía inzada de sensualidade e profunda, na cal o amor, a inquedanza existencial, a patria, a liberdade e mesmo a morte se entrecruzan compondo textos de sublime autenticidade e madurez.
