
Ninguén morreu de ler poesía é unha instantánea do país da poesía, unha postal, unha guía de viaxes, un souvenir, un «estiven en Aldaolado e acordeime de ti». Pégao na porta do frigorífico. Técelle un tapete de fío e pono derriba da tele. Aldaolado é un dúo poético formado por Lucía Aldao e María Lado desde 2005. Os seus espectáculos poéticos parten da poesía, do humor e da música para comunicarse directamente co público a través dunha posta en escena transgresora e transformadora. O seu primeiro espectáculo, de enorme éxito, titulouse "Onde estea un cubata que se quite un soneto", ao que seguiron outros como "Moita poesía, pouca diversión", "Con dez poemas por barba", ou "Cría fama e bótate a correr".
Authors

María Lado (Cee, 1979) é autora de cinco títulos de poesía: A primeira visión (1997), casa atlántica, casa cabaret (Xerais, 2001), berlín (2005), nove (2008) e Amantes (2011). Publicou tamén o álbum infantil Porque Cuqui non quere ir á lavadora (2014). Poemas seus aparecen recollidos en ducias de libros colectivos e forman parte de diversas antoloxías. O seu interese polo recital poético levouna a formar parte de diferentes proxectos que exploran distintas fórmulas para o achegamento da poesía ao público maioritario. Seguindo esta idea, foi unha das fundadoras do colectivo Poetas da Hostia, creadores dos recitais-combate A hostia en verso, a poxa de poetas Vendo a miña alma e o exercicio de escrita en directo O seu poema, grazas. En colaboración coa Casa da Esquina (Coimbra) estreou o espectáculo Nove, baseado no poemario homónimo e dirixido por Ricardo Correia. Mantén dende hai dez anos varios espectáculos coa poeta Lucía Aldao, dos que salienta Onde estea un cubata que se quite un soneto, Moita poesía pouca diversión, Con dez poemas por barba ou After.