
Na súa terceira novela, Carlos Casares acompaña ao protagonista, Elías Paz, desde a nenez nunha pequena vila ourensá ata os tempos de estudante universitario en Compostela. O texto enlaza nunha hábil mestura a segunda e a terceira persoas, no que é considerado o cumio da etapa máis experimental do seu autor. Xoguetes para un tempo prohibido percorre os diversos escenarios da represión diaria que se vivía na Galicia da ditadura franquista: a violencia imperante nos colexios relixiosos e nas igrexas, primeiro; a descuberta do amor e as relacións entre os dous sexos, condicionadas polas convencións e o medo; a loita política, despois, as súas escuridades e os os seus servilismos; a censura; e a dramática aceptación da derrota, finalmente. Esta novela de aprendizaxe é considerada un dos fitos da chamada Nova Narrativa Galega e retrata a toda unha xeración, criada na posguerra e que soñou coa revolución nos anos sesenta, para despois verse sumida no desencanto. Xoguetes para un tempo prohibido recibiu o premio Galaxia en 1975, converténdose inmediatamente en referencia da literatura dunha época.
Author

Carlos Casares Mouriño naceu en Ourense en 1941 e morreu en Vigo en 2002. Escritor e crítico literario, foi unha das personalidades máis importantes da cultura galega das últimas catro décadas. É autor de obras tan significativas como as novelas Ilustrísima e Os mortos daquel verán e os libros de relatos Vento ferido e Os escuros soños de Clío. Dirixiu a editorial Galaxia e a revista Grial ata o seu pasamento. É de destacar, tamén, o traballo como columnista, principalmente en La Voz de Galicia entre 1992 e 1998, recollido en sete volumes publicados por Galaxia de 2005 a 2008, titulados Á marxe. O ano 2017 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.