
Besta do seu sangue relata, con grande orixinalidade, unha historia inspirada na figura e no mito de Blanco Romasanta desde unha visión que propugna unha revisión de xénero. Disposta como un conxunto fluído de microunidades narrativas, na novela conviven os rexistros culto e coloquial para vencellar as voces partícipes da historia e da creación do mito nacido arredor da persoa que foi considerada a primeira asasina en serie da nosa historia. A obra supón unha proposta transgresora e fragmentaria que se caracteriza por esa multiplicidade de voces, polo seu esencialismo narrativo e por exhibir diversos rexistros para abordar o tema da licantropía desde unha perspectiva de xénero. Narrada desde unha linguaxe poética, ao longo das páxinas desta excelente novela, salienta unha atmosfera de desacougo e angustia para abordar o tratamento dun personaxe que bebe das fontes cultas, mitolóxicas e populares galegas para reavivar a figura do lobo e a súa convivencia co ser humano.
Author

Emma Pedreira (A Coruña, 1978). Filóloga, poeta e narradora. Membro da Plataforma de Crítica Feminista A Sega. Forma parte da denominada Xeración Poética dos 90. En xuño de 2018 gañou o Premio Xerais de novela, por Besta do seu sangue, obra da que o xurado asegurou que supón unha proposta "de carácter transgresor caracterizada pola súa multiplicidade de voces, polo seu esencialismo narrativo e por exhibir diversos rexistros". En 2019 gañou o premio Jules Verne de Literatura Infantil con Os corpos invisibles no que o xurado salientou "a orixinalidade da perspectiva adoptada para o desenvolvemento da trama; a innovación no seu achegamento a un clásico universal e ás autoras inglesas da época vitoriana; o firme feminismo da obra; o retrato social focalizado en problemáticas femininas e a visibilización do papel das mulleres".