
Xurxo Manuel Souto Eiroa, máis coñecido como Xurxo Souto, nado na Coruña o 25 de xullo de 1966, é escritor, músico, locutor galego. Licenciado en Filoloxía Clásica. Foi o líder e vocalista da banda de rock Os Diplomáticos de Monte-Alto entre 1990 e 2001, e gran difusor da música galega de agora e sempre. Outra das súas facetas a destacar é a de escritor. Ademais de ter sete libros publicados, ten colaborado con artigos en diferentes publicacións, como a revista Bravú. Dende 1986 comezou a traballar en diversos programas de radio en galego, sendo o máis coñecido e lonxevo A tropa da tralla, xunto a Aberto por reformas e Mil ribeiras, na Radio Galega. Desde outubro de 2005 até abril de 2009 foi Director de Programas desta emisora. No eido audiovisual dirixiu a serie de programas Repichoca, sobre música popular, para a TVE en Galicia; a película documental Pucho Boedo, un crooner na fin do mundo, e o documental Dos gaiteiros do mar. Alén de Os Diplomáticos de Monte-Alto, tocou -voz e acordeón- no conxunto "Os Tres Trebóns". Actualmente forma parte da "Banda Xangai". En outubro de 2003 participou, xunto con Manuel Rivas, na reinauguración da emisora comunitaria Cuac FM (A Coruña), da que ambos se converteron en padriños e socios de honra. Tamén traballou como actor en producións galegas como a serie de éxito Mareas vivas ou o telefilme Entre bateas, de Jorge Coira.

